Proxectos e propostas

Aquí recontamos algunhas das propostas máis significativas que Veciñanza vai presentando. Son produto do traballo colectivo das persoas que fan parte da asemblea de Veciñanza. Están pensadas para situar no debate aquelas carencias, e as posibles solucións, que segundo o noso criterio se deberan implementar na nosa vila, en Cuntis.

  • Informe sobre o estado de conservación das rúas de Cuntis. Este traballo foi presentado en novembro de 2017 e recolle aquelas deficiencias das rúas do casco urbano que por falta de conservación ou de mantemento é necesario subsanar. Son pequenas intervencións en moitos casos, que non requiren grandes investimentos senón un mínimo de atención e sensibilidade para manter en perfecto estado a aparencia que a nosa vila amosa no día a día, para disfrute tanto de veciños/as coma de visitantes.

 

  • Proposta de estratexia para a promoción e a dinamización turística de Cuntis. O do turismo era un sector en estado de completo abandono na nosa vila ata que Veciñanza o situou en primeiro plano do debate. Se ben é certo que o Goberno do Bipartito se viu na obriga de adoptar algunhas iniciativas, Cuntis segue a carecer dunha estratexia e dun rumbo claro para o aproveitamento das posibilidades deste sector económico fundamental para o desenvolvemento do noso municipio.

 

 

  • Plan de fixación de poboación ‘En Cuntis’. O demográfico é un dos principais retos aos que se enfronta un concello como é o noso. O devalo poboacional vén da man da ausencia de instalacións relacionadas como os servizos públicos (como o Centro de Día ou unha Gardería Pública), a ausencia dun documento de planeamento urbanístico (PXOM) real e adapatado aos nosos tempos, ou a ausencia de posibilidades dun desenvolvemento industrial (da man do Polígono da Ran). Este traballo recolle algunhas liñas de actuación, tanto de acción inmediata como a medio prazo.

 

  • Liga de Carreiras Populares de Cuntis. O fomento da práctica deportiva, a difusión de elementos do noso patrimonio cultural, a promoción turística e paisaxística do noso municipio, así como os valores que caracterizan o deporte tanto na súa cara competitiva como no ámbito da cooperación. A pretensión de achegar a actividade municipal ao rural. Estes son os obxectivos da Liga de Carreiras Populares de Cuntis, un circuíto pola parroquias do concello que axudaría á difusión do patrimonio e da paisaxe.